martes, 18 de octubre de 2011

Asina o manifesto MARXINACIÓN DO GALEGO NOS MEDIOS


O incremento da presenza da nosa lingua nos medios de comunicación acadado
pola acción da sociedade galega nas derradeiras décadas do século XX –que situaría o
seu punto culminante nunha media do 7,5% de espazo na prensa escrita cara ao ano
1975- foi progresivamente recuando, nos últimos anos, ata se situar apenas nun 3%
nese mesmo sector en 19931.
Paradoxalmente, isto aconteceu estando en vigor a Lei de Normalización
Lingüística que segundo o seu preámbulo “garante a igualdade do galego e do
castelán como linguas oficiais de Galicia e asegura a normalización do galego como
lingua propia do noso pobo.
Paradoxalmente, isto aconteceu cando o goberno da Xunta de Galiza veu
inxectando aos medios de comunicación substanciosas cantidades de diñeiro público
en teoría destinadas a manter e incrementar neles a presenza da lingua galega.
Paradoxalmente, isto aconteceu cando as novas licencias concedidas aos
medios audiovisuais implicaban unhas cotas de obrigada presenza do galego na
programación, cotas case sempre incumpridas polas empresas baixo a tolerancia do
goberno galego.
E mais non se poden argumentar dificultades lingüísticas á hora de comprender
oralmente ou por escrito o noso idioma: o 86’4% dos habitantes de Galiza saben
falar galego e o 97’1% o entende2. A mellora do nivel de expresión da poboación galega
é sensible dende que nas últimas décadas a nosa lingua se incorporou ao sistema
educativo. En particular, as novas promocións de xornalistas galegos que se forman no
país reciben agora a capacitación lingüística necesaria para desenvolveren plenamente
a súa profesión.
Tampouco se pode soster que a actitude da sociedade galega sexa contraria á
normalización do noso idioma nos medios de comunicación. As enquisas amosan que
o 70% da nosa poboación pensa que o que se publica na prensa é “pouco” ou “moi
pouco” e ese mesmo 70% lería un xornal en galego3.
Este desequilibrio chama a atención dos expertos internacionais que estudan
a presenza do galego nos nosos medios de comunicación. Así a profesora francesa
Caroline Domingues afirma:
Guiados por imperativos económicos, os medios de comunicación privados
galegos confinan a lingua da comunidade en seccións específicas polo xeral
ligadas á cultura. Fronte á política de normalización lingüística, eles seguiron a ser
extremadamente conservadores. O único código para informar é o castelán. Radios
privadas e prensa escrita en Galiza desempeñan en certa maneira un papel de “contra-
normalización da lingua da comunidade. Esta utilización minoritaria e testemuñal
dun galego que ten o seu propio espazo, o seu gueto, no interior do xornal ou da grella
de programación, é en primeiro lugar o resultado dun axuste das estratexias destes
medios de comunicación fronte a un contorno histórico, social e político.”
4
Nos últimos tempos, varios medios de comunicación escritos de Galiza deron
un novo paso nesa estratexia de marxinación e invisibilización do noso idioma:
as declaracións individuais ou colectivas de persoas e entidades que teñen unha
permanente práctica lingüística en galego son traducidas e presentadas –mesmo entre
aspas para aparentar a literalidade- en castelán como se foran feitas nese idioma.
Chégase a traducir os eslógans e lemas das mobilizacións e os textos das pancartas.
Distorsiónase así gravemente a imaxe pública de persoas e colectivos que teñen entre
os seus sinais de identidade a constancia no emprego e a defensa da lingua galega.
Por todo o devandito, como galegas e galegos, asinamos a nivel individual ou colectivo o presente escrito e esiximos dos medios privados de comunicación de masas en Galiza:
1) A presenza do galego nun 50% da totalidade do espazo escrito e tempo da grella de programación.
2) A reprodución literal das nosas declaracións e intervencións na lingua en que as expresamos.
3) A transcrición literal dos eslógans e textos das pancartas na súa lingua orixinal.
Esta reclamación do mínimo respecto seralles trasladada aos empresarios ou directores dos medios, e se estes continuaren na súa actitude discriminatoria estudaremos facer valer os nosos dereitos ante os tribunais de Xustiza e as instancias internacionais pertinentes.
Galiza. Setembro de 2011

No hay comentarios:

Publicar un comentario