martes, 27 de septiembre de 2011

A caixa tonta contraataca, Ángel Amaro


Non fai nin dúas semanas fíxose público o estudo “Kids TV Report”, grazas a Mediametrie y Eurodata TV Worlwide, no que se corrobora que as nenas e nenos españois son os máis expostos a nivel europeo a TV. Da Unión Europea son os que máis ven debuxos animados e series de TV. Desgraciadamente sempre somos os primeiros niste tipo de rankings e investigacións.
Contamos cos rapaces máis televisivos e por tanto máis sedentarios. Dato preocupante para o benestar físico e mental da cidadanía do século XXI. ¿As grandes corporacións mediáticas están sensibilizadas con esta realidade? ¿Hai un proxecto invisíbel de “idiotizar” as futuras xeracións mediante a caixa tonta ao estilo da alienación da que falaba Marx?
Ollando o estudo pódese afirmar que os rapaces españois consomen a TV unha media de duas horas e 39 minutos ao día. En relación ao resto do estados europeos temos a media máis alta. Agora xa entendo a que se referían cando decían que o TDT ía revolucionar as nosas vidas. Todo parece indicar que revolucionou o sofá e o hábito de vida dos nosos cativos e mozos.
Por estas terras están enganchados ao Pokemon e o Bob Esponja principalmente. Debuxos animados que non se concentran a unhas determinadas horas da semana ou do día xa que hai canles monográficos nos que saen debuxos e series infantís e xuvenís as 24h do día. Un Buffet Libre de caixa tonta no que os pais e nais ben pouco poden facer no seu día a día, ¡bendita conciliación da vida laboral e familiar!
As administracións aseveran que son as nais e pais os responsables de que os Nenos non estén demasiado tempo expostos a TV pero hai demasiadas variables a ter en conta que os gobernos de turno eluden. Todas e todos temos algo de culpa niste proceso que “aborrega” aos máis novos.
A conciliación familiar-laboral, a calidade dos parques e entornos de recreo e a oferta de ocio extraescolar nas vacacións son algúns dos eidos nos que a política pode intervir e ben pouco fai, se tal algunha tímida proposta que non altera un esceario cada vez máis complexo para as familias. ¿Que segundas intencións teñen esas variadas e actualizadas caixas tontas?
Publicado en GALICIA HOXE

No hay comentarios:

Publicar un comentario