sábado, 13 de agosto de 2011

En Somalia tamén hai xuventude // ÁNGEL AMARO


Dentro de pouco dará comezo a “Jornada Mundial de la Juventud (JMJ)” en Madrid e todo parece estar a punto. Miles de rapaces e rapazas chegados de tódolos recunchos do planeta para encontrarse en breve co Papa e disfrutar dunha xornada que se amosa faraónica e diversa en actividades. Centeares de colexios públicos para poder durmir, tarifas especiais no metro, confesionarios self-service no Retiro... Dise que o presuposto ronda os 50 millóns de euros (administracións públicas, empresas privadas e donacións). Coido que sin duda algunha será todo un festín.


Lástima que nesta Xornada Mundial da Xuventude non poidan vir os mozos e mozas de Somalia. Quizás o Papa lle adica unhas palabras, pero non moitas non vaia ser que lle quiten o protagonismo aos discursos anti-gays, anti-aborto e anti-divorcio. Pódese decir que o país situado no corno de África impórtalle un corno a Igrexa Católica. Ningunha partida presupuestaria das JMJ irá destinada a Somalia, non serán austeros.


Somalia leva duas décadas sumida nunha guerra civil que non ten arranxo, isto xunto coa peor sequía dos últimos 50 anos tradúcese en fame e miseria para unha gran parte da poboación. Hai preto de 135.000 refuxiados acampados en Kenia e Etiopía, 65.000 refuxiados sen cama e alimento, o 30% dos nenos sofren malnutrición aguda, 29 mil nenos menores de cinco anos morreron nos últimos tres meses pola sede, 640.000 nenos están gravemente desnutridos. Sen duda algunha, todo un drama. Unha situación catastrófica que nada ten que ver coas festas que se van pegar na JMJ. Imaxino que a igrexa de base, misioneiros e monxas de ben poñerán o grito no ceo, quen sabe.


As Nacións Unidas piden axudas, cartos que chegan con contagotas. Pídese unha resposta mundial que debe frear as 7,4 mortes diarias por cada 10.000 persoas que hai en Somalia e evitar que máis de 3 millóns de persoas morran por falta de auga e comida. Claro está que axudas millonarias xa chegaron por parte das empresas, pero non para Somalia se non para as JMJ. Empresas como Movistar, El Corte Inglés, el Santander, IBERIA, CAJA MADRID, ENDESA, FORD e unhas ducias máis comprométense coa visita do Papa e o entroido que en Madrid a Igrexa orquestará dándolle a espalda aos máis necesitados. O Papa non ten pensado ir a Somalia porque ise país non pode sufragar a visita e a xuventude somalí non pode ir a Madrid porque coa desnutrición non se poden poñer de pé. Logo dirán por qué as igrexas se quedan baleiras. ¿Non ten sentido a indignación?


Publicado en GALICIA HOXE

No hay comentarios:

Publicar un comentario