martes, 8 de febrero de 2011

Galiza reivindícase en Dakar

"Galegos, xunto con cataláns, kurdos, tamiles, palestinos e africanos, defenden os dereitos colectivos dos pobos no Foro Social Mundial", explica o director de "Altermundo" 

 

Máis de 1.200 organizacións de todo o planeta, entre elas seis galegas, (Altermundo, Fundación Galiza Sempre, Cig-Internacional, Attac Galiza, Seminario Galego de Educación para a Paz, e Centre Maurits Coppieters) están dende do domingo en Dakar, intercambiando propostas da sociedade civil a favor dun mundo xusto, libre e equitativo. Os debates xiran en torno a África e a débeda histórica con este continente por parte do capitalismo. Porén tamén haberá espazos dedicados á defensa da autodeterminación dos pobos e nacións sen estado. Manoel Santos, director de Altermundo explica dende Dakar, que a representación galega está ao redor da Rede polos Dereitos Colectivos dos pobos e todos están aquí reivindicando o "carácter nacional de Galiza", xunto a cataláns, kurdos, tamiles, palestinos e moitos pobos africanos como o de Casamance, etc. 

Defende, ademais que "ningún lugar é tan importante nestes intres de crise como o Foro Social Mundial (FSM) para facer un traballo de "reivindicación nacional" en ámbitos do exterior.
En Dakar púidose escoitar onte a oradores como o ex presidente de Brasil, Lula da Silva, ou o presidente de Bolivia, Evo Morales. Hoxe disertará Xabier Macias do Centro Maurirs Coppieters e mañá a Xosé Manuel Beiras, da Fundación Galiza Sempre, e que vai ser un os redactores que recolle a conclusión destes debates. O altermundista, Manoel Santos destaca, dende alí, a presencia de Lula da Silva que aproveitou o Foro para a súa reaparición pública internacional, o que xa di moito, apunto Santos. E vai máis alá o asegurar que falou "moi clariño", o cargar contra o G20 e dar por morto o Consenso de Wáshington. 

Manoel Santos remarca a "impresionante" acollida por parte dos africanos e recoñece que os movementos sociais en toda África do Oeste é moi diverso e moito máis multitudinario do que el pensaba. Malia os 30 graos de temperatura e a radiación solar senegalesa, Santos subraia que hai moitos colectivos, sobre todo cataláns que levan unha reivindicación similar a de Galiza, aínda que "moito máis nutrida". Tamén destaca que hai máis galegos que vascos. De feito a galega é unha das representacións máis activas na construción de alianzas ao redor da defensa da soberanía dos pobos. "Tamén se traen aquí a defensa dos dereitos lingüísticos e, de feito, os galegos aquí teñen un
posicionamento privilexiado pois a representación brasileira é numerosísima e vital no desenvolvemento do FSM, e nós temos liña directa, por cuestión de lingua, con eles", sinala o director de Altermundo.org

"O século XXII será o de África"

Manoel Santos, detalla para GALICIA HOXE, os tres fins principais do FSM, que van dende o da súa expansión fóra de latinoamérica, onde, detalla, o proceso está moi asimilado e é moi importante e decisorio nalgúns gobernos. Defende que África é o lugar fundamental para esta expansión, como "continente oprimido", con "movementos sociais cada día máis poderosos" e co que hai unha "débeda histórica por parte do capitalismo". O segundo sería o de definir accións conxuntas contra a crise do sistema. "Espérase que de aquí saia unha axenda para os vindeiros dous anos e para afrontar procesos como a conferencia de Río+20". O terceiro é procura de alternativas, que van dende presionar por un New Deal Verde ao apoio a un outro mundo baseado na autoxestión dos pobos e comunidades, na democracia radical, na ecoloxía, etc.
Porén precisa que non vai saír de aquí unha alternativa global pois este non é un goberno, mais si mil e unha novas iniciativas para responder á ditadura do capitalismo e da guerra. Para Manoel Santo un éxito sería "unha boa axenda" e "pasos adiante" por parte das organizacións que integran o Foro, pois este non toma decisións.
Neste senso lembra que en tres séculos 20 millóns de negros e negras africanas saíron do continente, é especialmente destas terras, onde portugueses, holandeses, franceses e ingleses "campaban ás súas anchas", e "cometeron o meirande xenocidio da historia, o escravismo", expón. Despois chegou o neocolonialismo, o Fondo Monetario Internacional e mais o Banco Mundial que esnaquizaron a autonomía e a produción local no continente. "Como non van desexar e crer que outro mundo é posíbel?", pregúntase. O director de Altermundo cavila que o século XXI será por fin o "século de África", que terá cada vez máis protagonismo. A descolonización está "aínda a comezar", e sinala ó respecto que "son pobos poderosos e orgullosos e abraiantes na súa cultura, nas súas ideas, no poder das súas mulleres". E ademais teñen conciencia continental, cren na nai África, finaliza.

Lula da Silva, o "estatista que mudou en altermundista" 

Non decepcionou. Fixo un discurso con reminiscencias de estatista pero extremadamente antineoliberal, amosándose moi crítico coas potencias occidentais, explica Manoel Santos sobre o discurso do ex presidente do Brasil, Lula da Silva. Entre o público e en primeira liña, os grandes gurús do FSM varios ministros senegaleses e brasileiros a representación brasileira neste FSM é impresionante en número e un Emir Sader que mesmo fixo a tradución consecutiva da súa intervención ao francés. Lula, despois de saudar a todos os habitantes da terra e aos activistas do FSM afirmou en primeira instancia que o soño dun outro mundo posíbel non o imos abandonar nunca, explica Manoel Santos dende Dakar. Asemade, fixo moitas referencias a África. O continente ten un futuro extraordinario, un futuro que está a chegar hoxe pero que debe ser acelerado, dixo. Segundo a crónica de Manoel Santos pediu perdón pola escravitude a todos os africanos e africanas. 

Finalmente arremeteu contra as organizacións financeiras internacionais e o G20. "É inexplicábel que a fame non estea nos obxectivos de loita de moitos dos que gobernan. Estas situacións inadmisíbeis non podemos evitalas nós, ese é o voso traballo, o dos activistas políticos que debedes estar os 365 días do ano a procurar un outro mundo posíbel". E o estatista mudou en altermundista, enfatiza o director de Altermundo dende Senegal.
Beiras, Nogueira, Macías, Ferreiro 

O décimo Foro Social Mundial celebrarase en Dakar baixo o título Resistencia e Loita dos Pobos de África ata o 11 de febreiro. É a segunda vez que ten lugar no continente africano, logo da edición de 2007 en Nairobi. Ó FSM de Dakar acudirán organizacións do país anfitrión, así como de Burundi, Ghana, Congo, Nixeria, Malí e Chad, entre as africanas. España estará entre a representación europea, así como Italia, Suíza, Francia, Noruega, e Alemaña. Ademais das seis organizacións galegas, con Beiras, e Santos, acoden altermunistas como Camilo Nogueira ou Chema Ferreiro.

Fuente: Galicia Hoxe

No hay comentarios:

Publicar un comentario